Foto: Argimiro José Aldrey Pérez

:: Ampliar Imagen ::

Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-1505
Clasificación Genérica Obxectos de Arte
Objeto/Documento Gravado
Autor/a Plaichner, B.
Materia/Soporte Papel
Técnica Augaforte
Dimensiones Altura = 355 mm; Anchura = 520 mm
Descripción Este gravado representa unha paisaxe arquitectónica en ruínas, cun obelisco que divide a escena en dúas metades.
Á dereita hai varias placas arquitectónicas e dúas construcións: unha fonte monumental cunha cabeza de león decorando o picho e dúas columnas corintias detrás; e a continuación un edificio circular de dúas plantas rematado por unha cúpula e unha lanterna con cupulín. No primeiro termo un home mira á paisaxe. Á esquerda temos un gran pedestal sobre o que están tres homes. A continuación, outro obelisco en cuxa base hai esculpida unha venera e detrás un enorme arco sobre columnas corintias tras do que aparece un pórtico circular columnado rematado por esculturas de figuras humanas cun obelisco no medio sostido tamén por ao menos dúas figuras humanas, quizais espidas. O centro da escena determinado polo meandro dun río cunha cidade. De fondo albíscanse outeiros con edificios na cima.
Iconografia Peregrinación; Sacro Pelícano; Vieira; Bordón; Peregrino; Esclavina; Actividade constructiva; Castelo; Arco de Triunfo; Ponte; Escultura de vulto redondo; Relieve; Capitel; Basa; Sombreiro; Paisaxe con arquitectura
Inscripciones/Leyendas Ao pé do arco, Latín
COMPOSVIT &/ DELINEAVIT/ B. PLAICHNER (Executou e deseñou B. Plaichner)
Adhesivo no bordo dereito superior do reverso, Alemán
13. Kunstauss[...] Gebäu[...] Bei Max[...] in Mü[...]
Centro do reverso
N 67 [Manuscrito a lapis]
Firmas/Marcas/Etiquetas Ao pé do arco
B. PLAICHNER
Datación 1701=1800
Contexto Cultural/Estilo Barroco
Lugar de Producción/Ceca Europa
Descriptores Geográficos Alemaña
Clasificación Razonada Esta obra, que polo nome do autor e o adhesivo do reverso probablemente proceda de Baviera, lembra indiscutiblemente ao facer de Piranesi, quen dedicou innumerables gravados ás arquitecturas ruinosas de Italia, sobre todo Roma. Este, seguramente posterior, non acada a calidade do mestre, mais confirma a influencia que Piranesi tivo sobre outros gravadores alemáns, suízos e austríacos, xa que as súas estampas foron impresas ata finais do século XIX. Aínda que con menos protagonismo da arquitectura, tamén pode relacionarse con certo tipo de paisaxe con figuras e construcións entre a natureza bastante frecuente na produción de gravadores flamencos coma os Sadeler.
Dada a indumentaria de peregrinos dos dous homes no centro do primeiro termo, a vinculación coa peregrinación parece clara, polas cunchas de vieira é probable que coa compostelá; mentres que o pelicano, no cumio do obelisco, é un símbolo eucarístico e de redención. Esta asociación, estendida dende antigo pola crenza de que alimenta ás crías feríndose no peito para darlles o seu propio sangue como Cristo expiou co seu os pecados da humanidade, resulta moi axeitada nunha obra relacionada coa peregrinación: a acción de viaxar a un lugar sagrado por devoción e, na tradición cristiá, xeralmente para redimir os pecados. Non en van antigas medallas ou insignias de peregrinación mostran un pelicano alimentando ás crías.
Do resto dos elementos do gravado descoñecemos unha codificación iconográfica precisa, se ben cremos que os elementos arquitectónicos e construcións antigas ou de reminiscencias clásicas da beira do río en primeiro termo -ruinosos, con vexetación e rodeados por rochas que parecen illar este espazo do que enxergamos alén do río- poderían representar o paganismo, o mundo do pecado, que os peregrinos van deixar atrás. Neste senso as figuras espidas que sosteñen o obelisco máis afastado poderían ser Adán e Eva, responsables do pecado orixinal. Trataríase, polo tanto, dunha sorte de paraíso perdido que os homes da esquerda tentan reconstruír sen éxito. Só a esforzada viaxe cara ao outro lado do río, á beira cristiá, con arquitecturas de estilos "cristiáns" e en bo estado, permite salvarse. O gravado presenta, en definitiva, un carácter moralizante.
Aínda que a idea do sacrificado camiño cara á redención trala caída da humanidade é moi antiga, este relato gozou de certo éxito entre as últimas décadas do século XVII e principios do XVIII. Neste período publicáronse obras coma Paradise Lost (1667), de John Milton, ou The Pilgrim´s Progress (1678), de John Bunyan, ambas traducidas ao alemán a comezos do século XVIII. De feito, a primeira tivo grande influencia en toda Europa e, nomeadamente, nos países de lingua alemá. Tamén o contraste entre arquitecturas clásicas -italianizantes- e medievais, símbolos respectivamente do sur e do norte de Europa, do paganismo e do cristianismo, é moi propio da cultura centroeuropea do momento, como se fai patente na obra de autores coma Johann J. Winckelmann e despois Johann W. von Goethe, que cargaron de connotacións morais e ambivalentes a contraposición entre clásico e medieval ou gótico.
Forma de Ingreso Depósito por doazón
Fecha de Ingreso 21/02/2020
Catalogación Rivo Vázquez, María
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6